Tuesday 21 de May de 2024

O conselleiro de Sanidade entrega por segundo ano o diploma de ouro ao concello de Corcubión por ter todas as súas Praias Libres do Fume do Tabaco


Este ano forman parte da rede un total de 79 praias de 45 concellos, e como novidade inclúense praias fluviais
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregoulle e por segundo ano consecutivo ao alcalde de Corcubión, Manuel Insua Insua, o galardón na categoría de ouro da iniciativa Praias sen Fume da Consellería de Sanidade por ter declaradas sen fume todas as praias do seu municipio. O concello de Corcubión súmase así ao de Baiona, que hai uns días recibiu a mesma distinción, por manter todos os seus areais libres de fume.

O conselleiro destacou que a Rede Galega de Praias sen Fume está constituída na actualidade por 79 praias de 45 concellos, polo que a poboación destes lugares poderá elixir desfrutar do seu tempo de ocio lonxe do fume do tabaco. O titular da carteira sanitaria sinalou a novidade de que as praias fluviais formen parte da rede.

Tal e como subliñou Almuiña, a rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, e recalcou a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. Un claro posicionamento negativo ante o tabaco fará que moitos mozos non empecen a fumar, xa que a imitación da conduta dos adultos forma parte dos factores causais do inicio.

O conselleiro sinalou que esta iniciativa púxose en marcha no Concello de Baiona no ano 2012, e a positiva resposta da poboación fixo que os anos seguintes outras praias deste municipio se sumaran. No ano 2016 decidiuse ampliar a toda Galicia, nacendo así a Rede Galega de Praias sen Fume.

Almuiña dixo que xa existen tres concellos (Baiona, Corcubión e Rianxo) que teñen todas as súas praias declaradas sen fume, o que os fai merecedores da acreditación máxima qué a categoría de ouro.